Unha muller de Abegondo denuncia verteduras da fosa séptica da casa dos veciños
Achaca as humidades na súa vivenda ás verteduras da casa de enfronte e pide un sumidoiro para que non lle entre auga na casa
Olga ten 90 anos e vive soa nunha casa de Freán, en Abegondo, unha vivenda de dúas plantas que percorre con axilidade para ensinar as humidades.
"Empeza a humidade na cima da escaleira e vai ata o final, ao cuarto de baño, coas tubaxes novas, e fóra teño humidades", lamenta Olga Erias.
Achaca o problema ás verteduras da fosa séptica da casa que ten xusto enfronte, ao outro lado da estrada. Queixouse no Concello, na Deputación e mesmo diante do Valedor do Pobo, pero sen a resposta que busca.
"Só quero que se me retire todo iso e que tapen o pozo, porque cando vén a auga vai para aí. Que poñan os sumidoiros e que tapen os pozos".
A outra parte, a familia á que Olga acusa, prefire non falar para non avivar o conflito, pero confésanse fartos de tanta provocación.