Denuncian un veciño de Marín por ter tres cans en "condicións deplorables"
Os tres animais estaban encadeados sen mobilidade e non tiñan chip
Un deles mesmo presenta unha cor azul provocada por un spray para as moscas

A Garda Civil de Cangas denunciou un home de Marín por varias infraccións á lei de benestar animal, ao ter tres cans en "condicións deplorables".
Segundo informou o Instituto Armado, o Seprona de Cangas, tras recibir un aviso de que nunha vivenda de Marín hai varios cans en condicións deplorables, púxose con en contacto co propietario para realizar unha inspección.
O pasado día 29 os axentes realizaron unha inspección, o propietario era un señor maior, que vive só. Ao comprobar o estado dos cans, observaron a un de raza podengo atado a un poste cunha corda, en condicións hixiénico-sanitarias moi malas, non dispoñía dun espazo para resgardarse, non ten o chip correspondente nin cartilla sanitaria.
O segundo can estaba atado cunha cadea metálica moi curta a unha cabana de madeira, case non pode moverse. O propietario manifestou que era para que o raposo non lle entrase na leira. O animal presenta unha lesión no pescozo polo tempo que pasou encadeado e á falta total de mobilidade.
O terceiro can tamén estaba encadeado nunha das entradas da vivenda e amarrado ao que simula unha caseta de madeira, sen poder resgardarse. Ademais, ten unha cor azul, xa que o dono utilizou un spray para as moscas, o animal presentaba nerviosismo e falta de mobilidade.
O home é denunciado porque os cans non tiñan chip identificativo, manter os animais sen mobilidade ou actividade física e á intemperie e por producir lesións nun dos cans pola forma de estar encadeado.