Vestas cre que os fondos de investimento non están interesados na compra da factoría
A dirección reuniuse con dous grupos investidores como acordaran a semana pasada
A multinacional danesa non ve "interese firme e real"

A dirección de Vestas informou de que non houbo avance ningún na reunión mantida con dous fondos de investimento ante a ausencia dun interese firme e real pola compra da planta de Viveiro. Un terceiro fondo dos contactados pola Xunta xa nin chegou a manter xuntanza algunha.
A compañía danesa di que durante a reunión os dous fondos subliñaron que a operación non encaixa nos seus modelos de negocio agás que a planta tivera un plan de produción a longo prazo e que acudiran á reunión a instancias da consultora contratada polo IGAPE co obxecto de conseguir investidores que resolvan a actual situación da factoría mariñá.
Vestas porén, comprometeuse a seguir colaborando na busca de investidores ata finais de 2022.
Os 115 traballadores da empresa xa recibiron este mércores as súas cartas de despedimento e as liquidacións. A empresa ten previsto pechar o 31 de decembro.