Fan estoupar un sexto paquete con material pirotécnico na embaixada dos EUA
Son sobres de cor marrón con "similares características", entre elas a coincidencia na caligrafía
Houbo envios á Moncloa dirixidos a Pedro Sánchez e outro ao Ministerio de Defensa, dirixido a Margarita Robles
Especialistas en explosivos da Policía Nacional fixeron estoupar un paquete con material pirotécnico dirixido á embaixada dos Estados Unidos.
En concreto, foi interceptado sobre as 12.30 horas no filtro de seguridade da legación e activouse o protocolo policial pertinente.
Este é o sexto paquete de "características similares" enviados na última semana, segundo informou o Ministerio do Interior.
O resto dos sobres chegaron á presidencia do Goberno, á ministra de Defensa, a unha fábrica de armas en Zaragoza, á base de Torrexón de Ardoz, en Madrid e á embaixada de Ucraína en España, onde provocou un ferido.
Os primeiros datos da investigación apuntan a que os envíos se levaron a cabo desde España e que no interior hai un artefacto caseiro para provocar unha "deflagración con lapa súbita".
Así o confirmou este xoves nunha comparecencia de prensa o secretario de Estado de Seguridade do Ministerio do Interior, Rafael Pérez, reiterando en varias ocasións que están na fase preliminar da investigación e que, por tanto, hai que ser prudentes cando se apunta a autorías ou se pode haber máis paquetes similares.
O Xulgado Central de Instrución número 4 da Audiencia Nacional asumiu a investigación.
Ata este xoves ao mediodía tense constancia de seis paquetes, incluíndo o da Embaixada. Son sobres de cor marrón con "similares características", entre elas a coincidencia na caligrafía. O primeiro que se remitiu, segundo se soubo hoxe, foi localizado o pasado 24 de novembro no Palacio da Moncloa. Ía remitido ao presidente do Goberno e foi deflagrado polo servizo de seguridade de Presidencia.
Unha semana despois, onte 30 de novembro, chegou outra carta con material pirotécnico dentro dunha caixa que defragou ferindo nunha man a un empregado da Embaixada de Ucraína en Madrid. O sobre ía dirixido ao embaixador, Sergei Pohoreltsev.
Pola noite confirmouse a recepción doutra carta remitida ao director da empresa Instalaza en Zaragoza, que envía material de defensa a Ucraína.
Este xoves pola mañá detectouse de madrugada na base aérea de Torrexón, dirixida ao director do Centro de Satélites da Unión Europea, outro sobre, que é o único que non se detonou de forma controlada polos TEDAX, polo que pode resultar clave na investigación.
O quinto confirmado foi enviado ao Ministerio de Defensa á atención da ministra, Margarita Robles.