Deteñen un ladrón mentres atracaba un banco en Soutomaior
O home ía disfrazado cunha perruca e barba postiza
Cando chegaron os axentes, o director estaba atado cunhas bridas e o ladrón agardaba que se abrise a caixa forte

Un atracador de 66 anos disfrazado foi detido este mércores mentres estaba a cometer un roubo nunha sucursal bancaria de Soutomaior.
A Garda Civil recibiu un aviso procedente do propio banco, no que se atopaban o director da sucursal e un cliente.
Dúas patrullas desprazáronse de inmediato á sucursal e detiveron o atracador, que levaba unha arma simulada e que nese momento xa tiña no seu poder o diñeiro que había no portelo, mentres esperaba a que lle abrisen a caixa forte.
O atracador, que levaba unha perruca e unha barba postiza, atáralle as mans cunhas bridas ao director da sucursal bancaria.