Detida unha persoa por colocar cámaras ocultas en habitacións dun hotel de Bóveda
As cámaras estaban agochadas detrás dun reloxo pendurado nun dos cuartos do hotel
O asunto foi denunciado por unha parella que se aloxaba no establecemento

A investigación comezou a finais do ano pasado tras a denuncia dunha parella que se aloxaba nun hotel de Bóveda e que atopou unha cámara escondida detrás dun reloxo colgado na parede.
Os denunciantes detectaron un reflexo xusto detrás do reloxo cando apagaron a luz da habitación e comprobaron que, na parte traseira, estaba agochada unha minicámara que enfocaba cara á cama. O dispositivo dispoñía dunha tarxeta micro SD de gravación de imaxes.
A parella avisou aos hóspedes do cuarto contiguo e comprobaron que tamén había outra cámara de características similares escondida noutro reloxo.
Cando comunicaron estes feitos ao propietario do establecemento, este indicoulles que as cámaras non funcionaban e devolveulles o importe pagado polo aloxamento, e mais outros 300 euros, coa intención de que non presentasen denuncia.
Os axentes iniciaron a operación Norbates. Durante as investigacións recibiron outra denuncia doutra persoa clienta do mesmo hotel, que mesmo presentou como proba o reloxo coa cámara.
Realizouse un rexistro no hotel e outro no domicilio do propietario no que se interviñeron dous computadores portátiles, unha CPU, un disco duro externo, 15 pendrives, unha minicámara e tres reloxos.
A operación continúa aberta. Os axentes analizan as gravacións intervidas para verificar se estas imaxes estaban destinadas a uso propio, difusión en liña ou para comerciar con elas.
Gravacións no aseo dunha farmacia de Tarazona
A Garda Civil detivo outro home en Tarazona (Zaragoza) por colocar unha cámara de gravación no aseo da farmacia en que traballaba como informático. A investigación iniciouse a primeiros deste mes de xullo cando se recibiu a denuncia dunha das empregadas que descubrira a cámara nos baños orientada cara ao inodoro.
A cámara de gravación incluía a electrónica necesaria para almacenar as imaxes nunha tarxeta de memoria de 32 GB e un power bank que fornecía a enerxía suficiente á cámara para que puidese funcionar durante varias semanas.
Os investigadores comprobaron que o detido adquirira a cámara un ano antes e que podería estar en funcionamento nos aseos desde o pasado mes de maio. Trátase dun veciño de Tarazona ao que se lle atribúe un delito contra a intimidade.