Tres detidos na Coruña acusados de explotar sexualmente mulleres
Na operación policial que desartellou unha rede de prostitución tamén foron detidas outras 7 persoas nas provincias de Valencia e Zaragoza
A Policía Nacional liberou oito mulleres e retidas pola rede criminal, de orixe suramericana

A Policía Nacional liberou oito mulleres ao desarticular unha organización criminal de orixe suramericana que, ao parecer, as explotaba sexualmente en pisos de citas situados na provincia de Valencia.
A maioría das vítimas son mulleres colombianas que eran captadas no seu país de orixe a través de redes sociais onde lles ofrecían traballos legais e dignos en España. Unha vez aquí, en España, eran obrigadas a prostituírse nestes pisos. Unha das mulleres chegou a ser violada por un dos clientes sen que ningún membro da organización o impedise, segundo informou a Dirección Xeral de Policía nunha nota de prensa.
Na operación policial detiveron 10 persoas, cinco na provincia de Valencia, tres na Coruña e dúas en Zaragoza, e incautáronse de 21.450 euros en metálico, varios teléfonos móbiles e videocámaras de vixilancia.
A investigación policial iniciouse tras unha denuncia que alertaba da posible existencia dun grupo criminal conformado por cidadáns suramericanos dedicados, presuntamente, á trata de seres humanos con fins de explotación sexual, tráfico de drogas e prostitución.
As investigacións policiais constataron a existencia desa organización, asentada na provincia de Valencia pero que antes xa operara nas provincias da Coruña e Zaragoza. Os pisos onde prostituían as súas vítimas contaban con sistemas de vídeo vixilancia que permitían controlar todos os seus movementos.
As mulleres eran obrigadas a anotar en cadernos os servizos que realizaban, incluído o método de pago, que podía ser en metálico, a través de plataformas de pagos móbiles ou mediante tarxeta de crédito. Esa relación de servizos e o diñeiro en metálico recadado debían introducilo en sobres cos seus nomes e depositalos en caixas de correos que a organización tiña instalados en cada un dos pisos.
De maneira periódica, os explotadores recollían os sobres e quedaban co 40 por cento da cantidade pagada por servizo. O resto era entregando ás mulleres.
A organización criminal incrementaba os seus beneficios coa venda de substancias estupefacientes e potenciadores sexuais aos clientes.