Detido en Ecuador o responsable do maior alixo de cocaína comisado en Galicia
A droga, máis de sete toneladas, foran comisadas hai un ano nun nave de Cambre

Detido en Ecuador o responsable do maior alixo de cocaína comisado en Galicia hai agora un ano. En decembro de 2023, as forzas de seguridade incautaron máis de 7 toneladas de cocaína en Cambre na nave dunha empresa dedicada á importación de produtos conxelados de peixe do Ecuador.
Operación Gran Fénix 52
Unha operación coordinada entre as policías de España e do Ecuador permitiu desarticular en territorio ecuatoriano unha rede de narcotráfico que se dedicaba a enviar grandes cantidades de cocaína cara a Europa, a través do comercio marítimo internacional.
Nesta operación denominada Gran Fénix 52 levaron a cabo rexistros e comisaron tres vehículos, 12.000 dólares en efectivo, unha ducia de teléfonos móbiles e catro dispositivos de almacenamento de información.
A operación permitiu a detención do líder da organización criminal, coñecido como Carlitos. Hai outros sete detidos. Con estes arrestos, as policías dos dous países dan por desartellada a organización.
Un ano de investigación do maior alixo da historia de Galicia
Este operativo deuse despois de preto dun ano de investigacións e intercambio de información entre as policías do Ecuador e España, tras a incautación en territorio español en decembro de 2023 dun cargamento de 7,3 toneladas de cocaína, coa detención de cinco persoas ligadas a unha empresa de Galicia que importaba produtos conxelados de peixe de Ecuador.