Detido en Nigrán por ameazar un inquilino cunha arma de fogo
O presunto ocupante ilegal quedou ferido nunha perna no decurso dunha pelexa
Cinco investigados máis por supostos delitos de violación de morada, ameazas, lesións e coaccións
A Garda Civil de Baiona detivo un varón por ameazar cunha pistola de tiro deportivo un inquilino nunha vivenda da súa propiedade na parroquia de Parada, en Nigrán.
Os feitos aconteceron na noite do pasado xoves cando o agora arrestado acudiu á casa da rúa Santiago para forzar a saída das persoas que, presuntamente, a estaban habitando sen o seu consentimento. Supostamente, levaban semanas no seu interior e se negaban a abandonala, a pesar de que a vivenda estaba alugada a nome doutras terceiras persoas que xa non residen nela e que, ao parecer, cederon ilegalmente as chaves aos ocupantes actuais, como explicou un membro da familia do dono.
O presunto ocupante ilegal quedou ferido nunha perna no decurso dunha pelexa
Logo dunha rifa, o propietario ameazounos cunha pistola de tiro deportivo e efectuou varios disparos ao aire para intimidalos. Presuntamente, tamén agrediu fisicamente unha delas, un home que tivo que ser trasladado ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo por unha ambulancia medicalizada cunha ferida nunha perna.
Unha patrulla da Garda Civil detivo o dono da vivenda, un coñecido empresario de hostalería da bisbarra, por ameazas con arma de fogo, coaccións e violación de morada. O home permanece detido no cuartel de Baiona en espera de pasar a disposición xudicial.
Así mesmo, durante a mañá deste venres, os axentes abriron tamén dilixencias de investigación con respecto a outras cinco persoas: unha por violación de morada e coaccións, e as outras catro polos mesmos supostos delitos máis o delito de lesións.