Detido por contratar un sicario nunha 'dark web' para agredir con ácido unha muller de Pontevedra
O arrestado é un veciño de Barcelona
Segundo a Garda Civil, o detido pediulle a un sicario que lle guindase ácido á muller para desfigurarlle a cara e deixala cega

Un veciño de Barcelona foi detido pola Garda Civil por tentar contratar os servizos dun sicario usando unha 'dark web' unha páxina de Internet de pago encriptada onde se levan a cabo moitas actividades ilícitas.
O arrestado, un home de 31 anos, recorreu a este sistema para tentar agredir unha muller de Pontevedra. Encargoulle a un sicario que lle guindase ácido á cara para desfigurarlle o rostro e deixala cega.
A Garda Civil de Pontevedra, a través da operación Bodoque, conseguiu identificalo e detívoo por un suposto delito de tentativa de lesións no seu tipo agravado.
A investigación arrincou a finais de 2022. Os axentes detectaron unha conversa nun foro de Internet en que o agora detido tentaba contratar un sicario para causarlle graves danos a unha muller e pagarlle despois con criptomoedas.
Segundo a Garda Civil, a investigación resultou "extremadamente complexa" e prolongouse ata novembro de 2024.
Instrúe as dilixencias o Xulgado de Instrución número dous de Pontevedra.