Detido por tráfico de drogas en Burela un home que tiña 60 gramos de cocaína na casa
Este mércores pasou a disposición xudicial investigado pola venda de drogas polo miúdo

A Garda Civil detivo na localidade lucense de Burela un home de 45 anos como suposto autor dun delito de tráfico de drogas, despois dunha longa investigación policial.
Esta operación iniciouse o pasado ano. Tras “varios meses de exhaustiva e discreta vixilancia” para confirmar a información que previamente recibira a Garda Civil, os axentes encargados do caso confirmaron que persoas “vinculadas ao consumo de substancias estupefacientes na Mariña lucense frecuentaban con asiduidade o domicilio da persoa detida”.
De feito, no transcurso da investigación, chegaron a intervir diversas cantidades de cocaína a supostos compradores en zonas próximas á vivenda do detido.
Este martes, axentes da Garda Civil realizaron un rexistro domiciliario na casa do sospeitoso, onde interviñeron 60 gramos de cocaína, unha báscula de precisión e recortes de plástico, dos que habitualmente se usan para preparar doses individuais. Tamén 627 euros en efectivo, todos eles en billetes de pequeno valor e moedas, supostamente procedentes da venda da droga.
Ademais, investígase a procedencia de varios reloxos de pulseira, xoias e teléfonos móbiles que poderían ser entregados como pago polas substancias estupefacientes.
A persoa detida foi posta á disposición xudicial este mércores.