Concentracións de repulsa polo crime machista de Moaña, cuxo suposto autor segue custodiado no hospital
Concentracións de repulsa polo crime machista de Moaña, cuxo suposto autor segue custodiado no hospital
O home xa fora condenado por violencia machista pola Audiencia Provincial de Pontevedra
O arrestado estaba no teito do vehículo que caeu ao mar e no que morreu Fadoua Akkar, de 41 anos
Veciños de Moaña concentráronse este domingo no salón de plenos do Concello para mostrar o seu rexeitamento e condena polo crime da muller que faleceu tras precipitarse ao mar á primeira hora da mañá do sábado no paseo de Domaio o vehículo no que circulaba xunto a un home que xa foi detido.
A concentración foi convocada polo propio Concello como sinal de rexeitamento e condena de "tan terrible acto". Alí, a alcaldesa, Leticia Santos, procedeu á lectura dun manifesto que deu paso a un aplauso que durou varios minutos.
Tamén en Pontevedra, cidade onde vivía e traballaba a vítima, concentráronse para condenar este crime.

O home ao que se investiga por este presunto crime machista pasou a súa primeira noite detido no hospital. O seu coche caeu ao mar na madrugada do sábado no peirao de Moaña, o que provocou a morte da súa acompañante, Fadoua Akkar, unha muller de 41 anos.
O arrestado, que conducía o coche, foi rescatado con vida, trasladado ao hospital Povisa, en Vigo, con síntomas de hipotermia e finalmente detido. O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, falaba horas antes de "indicios preocupantes" neste caso.
"Hai que ser moi prudente, porque a investigación está en marcha, pero o certo é que unha muller perdeu a vida ao precipitarse á auga un coche conducido por un home. E hai testemuñas que indican que o vehículo acelerou notablemente nunha zona peonil antes de caer á ría".
O investigado ten 47 anos, figura na base de datos do sistema Viogén de seguimento nos casos de violencia de xénero e mesmo chegou a ingresar en prisión tras ser condenado por uns "feitos violentos" pola Audiencia Provincial de Pontevedra no ano 2012.
"Tivo unha orde de afastamento vixente ata o ano 2020 con respecto á muller vítima daqueles feitos. A falecida é Fadoua Akkar, de 41 anos, de nacionalidade marroquí e con domicilio en Salcedo, Pontevedra. Esta muller non estaba rexistrada como vítima no sistema Viogén e por tanto non existía ningunha protección arredor dela", asegura Losada.
Unha particular daba a voz de alarma sobre as cinco da mañá. Avisaba as autoridades de que un turismo acababa de precipitarse ao mar preto do club de xubilados de Domaio. O corpo da muller foi atopado aboiando na agua durante as tarefas de retirada do vehículo.

Segundo fontes da investigación, a vítima presentaba un forte golpe na cabeza. A Garda Civil investiga o caso como un presunto crime machista. O detido permanece custodiado no centro hospitalario á espera de ser trasladado aos calabozos.