Detido un home en Cerdedo-Cotobade por mallar brutalmente a súa nai, de 79 anos
O agresor está investigado por un delito de homicidio en grao de tentativa
A vítima permanece ingresada no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo en estado crítico debido aos golpes propinados presuntamente polo seu fillo
O detido, de 46 anos, foi hospitalizado na unidade de psiquiatría do Hospital Provincial de Pontevedra
Unha muller de 79 anos, veciña de Cerdedo-Cotobade, está ingresada no hospital en estado crítico despois de que o seu fillo, un home de 46 anos, lle dera unha brutal malleira que a deixou á beira da morte.
O agresor, que xa foi detido, está investigado por un delito de homicidio en grao de tentativa e foi ingresado na área de Psiquiatría do Complexo Hospitalario de Pontevedra.
Os feitos ocorreron nunha vivenda situada no lugar de Vila de Abaixo, na parroquia de Santa María de Sacos, na que reside a vítima.
A muller, segundo explicou o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, sufriu unha malleira por parte do seu fillo e foi achada inconsciente no chan por unha das súas veciñas.
Tras o ataque, o home abandonou a casa e, despois de percorrer as inmediacións, regresou ao domicilio familiar, onde xa estaban os servizos médicos, axentes da Garda Civil e un grupo de veciños da zona.
Unha vez de volta, segundo confirman a EFE fontes da investigación, finxiu non saber nada e preguntou ás persoas que estaban alí que pasara, pero os veciños alertaron a Garda Civil ao sospeitar que fora el o autor da malleira á anciá.
Como consecuencia da agresión, a muller está ingresada moi grave na UCI do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e presenta múltiples fracturas en distintas partes do corpo, entre elas o cranio e a zona costal.
O detido, o maior dos tres fillos da vítima, foi trasladado inicialmente á comandancia da Garda Civil de Pontevedra, pero acabou sendo derivado á unidade de Psiquiatría do Hospital Provincial de Pontevedra.