Detido un mozo como sospeitoso de provocar o incendio de Trabada en que arderon máis de 2.000 ha
O arrestado ten 27 anos e é veciño de Barreiros
O incendio foi o máis grande que se rexistrou en Galicia en 2023

A Garda Civil detivo este martes un veciño de Barreiros, un mozo de 27 anos de idade, como autor dun delito continuado de incendio forestal, dado que é sospeitoso de provocar tres lumes no mes de outubro do pasado ano, entre eles o grande incendio que arrasou centos de hectáreas en Trabada.
O incendio forestal en Trabada está considerado un GIF (grande incendio forestal) e foi o máis importante dos que se produciron en Galicia o pasado ano, con 2.329 hectáreas afectadas. De feito, durante os labores de extinción foi necesario activar o nivel 2 co desaloxo dos veciños de sete aldeas e diversas vías cortadas, entre elas a autovía A-8, a Autovía do Cantábrico. A alerta tamén se estendeu ao municipio veciño de Ribadeo.
O Equipo Multidisciplinar de Investigación de Incendios Forestais da Garda Civil fíxose cargo das pescudas. Ante a reiteración de incendios producidos nun só día na mesma zona e tras analizar os primeiros indicios no terreo, os axentes chegaron á conclusión de que se produciron de forma intencionada.
“Tras máis dun ano de ardua e complexa investigación, determinouse que os incendios supostamente foran provocados polo detido, que actuou de forma dolosa e con plena conciencia de que os actos realizados eran contrarios á lei”, informa a comandancia de Lugo nun comunicado.
A persoa detida e as dilixencias policiais foron remitidas ao Xulgado número dous de Mondoñedo. Na investigación tamén colaborou persoal técnico do servizo de Incendios Forestais da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia.

Neste ano, o equipo especializado da Garda Civil investigou nove persoas como supostas autoras dun delito de incendio forestal, a maioría por imprudencias.