Detido un veciño de Cuntis que transportaba dous quilos de haxix nunha furgoneta
Está sendo investigado como presunto autor dun delito contra a saúde pública

A Garda Civil de Pontevedra detivo un veciño de Cuntis, de 23 anos, como presunto autor dun delito contra a saúde pública tras ser interceptado con dous quilos de haxix cando circulaba nunha furgoneta pola N-640.
Segundo informacións do Instituto Armado, o suceso produciuse este luns, cando os axentes lle deron o alto durante un dispositivo de seguridade cidadá no que se procedeu a rexistrar o vehículo e se localizou na parte traseira unha bolsa plástica con dous paquetes envoltos en cinta de embalar de cor marrón, cunha cantidade aproximada de dous quilos de haxix.
Ante isto, a Garda Civil solicitou a entrada e rexistro no domicilio do home e deu como resultado a intervención de 20 gramos de cocaína en catro envoltorios plásticos dispostos para a súa distribución e diñeiro en efectivo.