Díaz cesaría a Marlaska polo ocorrido en Melilla e di que a distancia con Podemos non é polas primarias
Díaz cesaría a Marlaska polo ocorrido en Melilla e di que a distancia con Podemos non é polas primarias
A pesar das diferenzas, confía en que haxa acordo para elaborar unha candidatura única na que Podemos se una a Sumar
Asegura a vicepresidenta que a súa relación con Pablo Iglesias "está en momentos en que non pensamos as mesmas cousas"

A vicepresidenta do Goberno, Yolanda Díaz, suxeriu que non mantería no cargo ao ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, tras a morte de 23 inmigrantes no valado de Melilla.
"Non se pode xogar cos dereitos humanos", dixo Díaz nunha entrevista co xornalista Jordi Évole emitida este domingo en La Sexta, e asegurou que de ser presidenta designaría para o Ministerio do Interior a alguén que "faga cumprir os dereitos humanos no noso país e calquera lugar do mundo".
Yolanda Díaz cualificou de "intolerable" o sucedido en Melilla e asegurou que en política "un ten que asumir responsabilidades porque iso dignifica moito tanto a política como a persoa".
As diferenzas con Podemos non son polas primarias
En canto ás negociacións entre Sumar, a plataforma que ela lidera, e Podemos para concorrer xuntos ás eleccións xerais, rexeitou que as diferenzas sexan sobre a convocatoria de primarias abertas, como afirman os morados, e lamentou que nos partidos primen cuestións de "diñeiro, listas e liberados".
"Cres que se lles asinamos un documento coas primarias, están dentro de Sumar? Eu dígoche que non. O diaño está nos detalles, imos negocialo todo", manifestou Díaz.
Con todo, amosouse optimista no resultado desas negociacións e pediu esquecer as pelexas porque "temos unha oportunidade de cambiar este país e dar unha oportunidade á xente", e foi rotunda ao descartar a posibilidade de concorrer co PSOE ás eleccións se non hai acordo con Podemos.
A relación con Pablo Iglesias
Durante a entrevista sinalou comportamentos machistas que tanto o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, como o exvicepresidente, Pablo Iglesias.
De Iglesias pediu que deixe voar e facer á xente. Recoñeceu que sempre tivo dúbidas sobre a súa retirada da política, pero considera que na actualidade está "arquipresente".
Asegurou Díaz que neste intre a súa relación co exlíder morado "está en momentos en que non pensamos as mesmas cousas".
Definiu a Iglesias como "moi roñón" e lembrou que se enfadou "moitísimo" cando a designou a dedo como candidata da formación ás eleccións xerais.
Se fose presidenta
Se Yolanda Díaz fose presidenta do Goberno, dixo que con ela Pedro Sánchez tería o cargo que el considerase oportuno, e aínda que non quixo facelo público, ten claro a quen nomearía á fronte dalgúns ministerios.
Sobre o conflito de Ucraína, recalcou que a invasión de Rusia é ilegal, vulnera o dereito internacional e é ilexítima, pero mostrouse partidaria de dedicar "moitísimos esforzos para negociar, dialogar e acabar con esta maldita guerra".
Tamén afirmou que rompería o acordo asinado por Sánchez co rei de Marrocos sobre o Sáhara e volvería á posición tradicional española, mentres definía como ditadura o réxime nese país.
A Díaz non lle preocupa a próxima visita do rei Xoán Carlos a Sanxenxo, pero si lle gustaría que rendese contas e que explicase o que fixo cando era o xefe do Estado.
Expresou o seu respecto polas institucións, ao ser preguntada polo rei Filipe VI, pero dixo ter claro que será na próxima década cando se abra o debate sobre o futuro da monarquía e mostrouse partidaria de ter un xefe do Estado elixido mediante sufraxio.