Dominique Pelicot: "Nunca debín facer isto, vou morrer coma un can"
O home está acusado de drogar durante 10 anos a súa muller para abusar dela sen o seu consentimento e para que tamén a violasen decenas doutros homes aos que gravaba
Nesta última declaración mantén que non lle fixo o mesmo á súa filla

Dominique Pelicot, o home que durante 10 anos drogou a súa muller para abusar dela sen o seu consentimento e para que tamén a violasen decenas doutros homes aos que gravaba, declarou este mércores: "Nunca debín facer isto, vou morrer coma un can".
Entre bágoas, terminou a súa última declaración ante o Tribunal do Criminal de Aviñón dirixíndose á súa muller, Gisèle Pelicot, e á súa filla, Caroline Darian, ás que reiterou as súas escusas por toda a dor causada, a pesar de que recoñeceu que "non será suficiente".
"Ela forma parte daquilo que gardo no fondo de min", sinalou Dominique da que foi a súa compañeira de vida durante 50 anos, e explicou que "a única esperanza" que queda é que a súa filla "poida ter a proba" de que, en contra do que ela cre, non a drogou e violou, como si fixo coa súa nai.
Darian está convencida que Dominique Pelicot a drogou para abusar dela, xa que entre os arquivos que lle comisou a policía había fotografías en que aparecía espida e aparentemente durmida.
O principal acusado deste xuízo, no que podería ser condenado ata a 20 anos de cárcere, asumiu que era un "adicto ao sexo" e que morrerá só porque máis aló da súa avogada, Béatrice Zavarro, ninguén o apoia.
"Se se entende, perfecto. Se o cren, aínda mellor. Se non, non importa. Pero en calquera caso, é a verdade de Dominique Pelicot", subliñou a letrada.
Xunto a el hai outros 50 procesados neste macroxuízo que comezou o 2 de setembro, que está a suscitar moito interese internacional, e que encara agora a recta final.
Este mércores está previsto a alegación da acusación particular, é dicir, dos avogados de Gisèle Pelicot e o proceso renovarase o vindeiro luns, coa petición de penas da Fiscalía, que se alongará ata mércores. Logo será a quenda da defensa dos acusados, que terán a última palabra antes de que se dite sentenza o 20 de decembro.