Dous feridos, un grave, tras chocaren dúas motos de auga en Portonovo
A Policía Local de Sanxenxo investiga as causas deste accidente
Os feridos, un deles unha muller con prognóstico grave, foron evacuados ao Hospital Montecelo en Pontevedra

Unha muller e un home resultaron feridos na tarde deste sábado nun choque entre dúas motos de auga sucedido na bocana do porto de Portonovo.
Os primeiros datos apuntan a que a muller que ía de acompañante nun dos vehículos de auga sufriu feridas con prognóstico grave, con rotura do fémur e da cadeira, e o home lesións na súa perna dereita. Trasladáronos en ambulancia ao Hospital Montecelo de Pontevedra.
Ata o lugar do accidente desprazáronse membros do servizo de Emerxencias de Sanxenxo, técnicos sanitarios e axentes da policía Local de Sanxenxo que investigan as circunstancias que rodean o suceso.