Xa son oito os detidos pola morte de dous gardas civís en Barbate
Seis dos arrestados ían na narcolancha que arremeteu contra a patrulleira da Garda Civil
O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, insistiu en que se poñerán a disposición das forzas de seguridade todos os medios necesarios para loitar contra o narcotráfico
A Garda Civil detivo de madrugada cinco persoas relacionadas coa narcolancha que na noite do venres arremeteu contra unha patrulleira da Garda Civil e que lle causou a morte a dous axentes. Nas últimas horas arrestaron outros tres. Deles, seis viaxaban na embarcación e outros dous ían recollelos en coche. Os arrestos foron posibles despois de que a narcolancha encallase nunha praia da Línea da Concepción e os presuntos narcotraficantes tratasen de fuxir polo monte.
Os dous gardas civís falecidos tiñan 39 e 43 anos. Ían nunha lancha pneumática xunto con outros catro compañeiros e traballaban na identificación dos ocupantes de varias narcolanchas que se refuxiaban do temporal no porto de Barbate. A consecuencia do golpe outros dous axentes quedaron feridos.
Segundo fontes da investigación, varios dos detidos teñen antecedentes por tráfico de drogas, roubo e branqueo. Impútanlles dous delitos de homicidio e lesións graves a axentes da autoridade. Aos outros dous detidos en terra atribúenlles delitos de encubrimento e resistencia grave á autoridade.
Centos de persoas concentráronse este sábado no municipio gaditano de Barbate para amosar o seu pesar pola morte dos dous axentes. Gardaron un minuto de silencio en lembranza dos falecidos.
A capela ardente dun dos axentes quedou instalada nas dependencias da Comandancia da Garda Civil de Cádiz. A outra capela ardente instalarase este domingo en Pamplona.
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez trasladoulle á Garda Civil o seu "enorme agradecemento" na súa loita contra o narcotráfico e lamentou a morte dos axentes, ao igual que o fixeron os reis de España.
Varias asociacións da Garda Civil emitiron diversos comunicados reclamando a dimisión do ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska. As asociacións profesionais din que levan denunciando a loita sen medios contra o narcotráfico no Campo de Xibraltar.
A Asociación Unificada da Garda Civil anunciaba nunha nota que se presentaría como acusación particular no procedemento xudicial pola morte dos dous axentes, e así o recollía tamén a Asociación profesional Xustiza para a Garda Civil, que pedía un cambio lexislativo para ilegalizar a posesión de lanchas rápidas.
Pola súa banda, o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska compareceu antes os medios en Cádiz e asegurou que non vai haber impunidade para os autores do que cualificou como un "asasinato". Comprometeuse a seguir poñendo todos os medios necesarios para a loita contra o narcotráfico por parte das forzas de seguridade.
Informou tamén de que a investigación segue aberta e que non se descartan máis detencións.