Dous veciños de Culleredo morren nun accidente de tráfico en Abegondo
Outra persoa que viaxaba no coche quedou ferida grave
O sinistro ocorreu arredor das catro da mañá na estrada DP-0103, á altura da parroquia de Sarandós, en Abegondo. O coche en que viaxaban tres mozos sufriu unha saída de vía e foi bater contra o valo de seguridade da estrada e mais contra unhas árbores.
No golpe, o condutor e o copiloto faleceron e o terceiro ocupante quedou ferido grave. Os bombeiros de Betanzos tiveron que excarcerar as tres vítimas, que quedaran atrapadas no interior do vehículo. A Garda Civil de Tráfico investiga en que circunstancias se produciu o accidente.
Os servizos médicos que acudiron ao lugar xa non puideron facer nada polos ocupantes que viaxaban na parte dianteira. O outro foi trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. Tamén se activou o grupo de intervención psicolóxica en catástrofes por se fose necesaria a súa participación.
As vítimas son naturais de Celas, no concello de Culleredo, que decretou tres días de loito e convocou para este luns un minuto de silencio. O de Abegondo emitiu un comunicado en que amosou o seu pesar polo acontecido.
