Dúas testemuñas da morte de Samuel dan versións enfrontadas sobre o papel dun terceiro agresor
Testemuñas do crime vinculan dous acusados coa agresión e un terceiro tratando de dar unha patada
Pola sala da Audiencia Provincial da Coruña pasaron esta mañá varios amigos dos investigados, testemuñas do asasinato de Samuel. O primeiro deles sinalou os dous mozos que iniciaron a agresión, e incriminou un terceiro que se sumou despois, coa intención de darlle unha patada.
"Intentei separar a D. e botalo para atrás, e cando mirei vin a Yumba con Samuel, tíñao agarrado no chan. K. viña cargando a perna para darlle unha patada", dixo.
Esta versión non coincide coa da exmoza deste investigado, que o exculpa de todas as acusacións, incluído o roubo do móbil da vítima.
"K. intentou separalos". "Lanzou unha patada?", preguntoulle a fiscal. "Non". "Viu se collía un teléfono?", "Non", respondeu.
Sobre o papel da única muller acusada, a testemuña dixo que recriminou a súa parella pola agresión. Todos os comparecentes recoñeceron que non auxiliaron a Samuel malia velo inconsciente.
"Había un círculo de xente encantada mirando o que estaba pasando", sinalou o amigo dun dos acusados. "Non podes saber que... non sei, é algo que me vai acompañar para sempre, esa decisión", recoñeceu outro. "Non che sei dicir, marchamos todos", respondeu a exmoza dun dos imputados polo asasinato do enfermeiro coruñés.