Dezaoito grandes empresas sumáronse xa á compañía mixta para impulsar as renovables
Tres de cada cinco grandes empresas galegas forman parte nestes momentos desta sociedade, que supera os 20 millóns de euros de capital privado

Dezaoito grandes empresas galegas sumáronse xa á compañía mixta que creou a Xunta para impulsar as enerxías renovables.
Tres de cada cinco grandes empresas galegas forman parte nestes momentos desta sociedade, superando os 20 millóns de euros de capital privado.
Así o asegurou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, en resposta a unha pregunta do PSdeG.
Neste proceso superáronse "amplamente" os 20 millóns de euros que a Xunta establecera como achega inicial de capital privado para a sociedade.
O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, preguntou a Rueda "cales van ser as actuacións estratéxicas do seu Goberno ata o final da lexislatura" para corrixir os "erros" das súas políticas "regresivas" que levaron a Galicia a perder 40.000 empregos industriais nos últimos 14 anos ou unhas listas de espera sanitarias "inadmisibles", entre outras cuestións.
Rueda dixo que entre as súas estratexias está a de reclamar os fondos europeos ou potenciar o "tirón" turístico que ten Galicia, así como aproveitar o "enorme potencial" de Galicia en enerxías renovables, no que destacou proceso de adhesión de empresas para a sociedade mixta.
Esta sociedade terá maioría privada aínda que o Goberno galego resérvase un "voto cualificado" co obxectivo de ter unha posición de control e poder vetar a participación en iniciativas que non sexan de interese público para Galicia.