Pídenlle ao Goberno concretar os proxectos para as factorías de Navantia na ría de Ferrol
Navantia espera que o Goberno cumpra co compromiso adquirido cos estaleiros
En Navantia piden que se concreten e expliquen con detalle os proxectos que están realmente pensados para a factoría de Ferrol. Tamén os empresarios da comarca de Ferrolterra reclaman máis información e compromiso.
O dique de reparación de buques de Navantia triplicou a súa facturación. A carga de traballo é tal que na ría de Ferrol están rexeitando novos traballos porque non teñen capacidade para aceptar máis. Pero insisten en reclamar a posta en marcha dun dique de construción, que ampliaría a capacidade de Navantia dun xeito moi considerable.
Entre Ferrol e Fene, Navantia ten cinco diques, pero hai carga de traballo para a ampliación comprometida, que non chega. Os empresarios de Ferrolterra tamén solicitan que se poña en marcha canto antes porque a nova infraestrutura repercutiría economicamente na comarca.
En Ferrolterra levan anos esperando pola posta en marcha dun dique de construción para Navantia. Reclaman avances e que se cumpran os compromisos adquiridos.
O Senado, onde o PP ten a maioría absoluta, insta o Goberno a impulsar a construción dun dique cuberto en Navantia Ferrol, que facilite a implantación do chamado Estaleiro 4.0. Os socialistas aseguran que teñen un compromiso firme para dotar de carga de traballo a factoria.