Publicador de contidos

Publicador de contidos

Enrique Mallón: "A eólica mariña pode dar moitas alegrías a Galicia"

Enrique Mallón: "A eólica mariña pode dar moitas alegrías a Galicia"

O secretario xeral de ASIME asegura que a instalación de parques eólicos nas costas galegas creará máis emprego de calidade

Mallón urxe o Goberno e a Unión Europea a axilizaren a construción do Corredor Atlántico ao se tratar dunha infraestrutura "indispensable" 

G24.gal 17/03/2023 10:20

O secretario xeral de ASIME Enrique Mallón defende a instalación de parques eólicos nas costas galegas e españolas porque "creará máis emprego de calidade e permitirá completar a cadea de valor de construción e produción de elementos mariños".

Nunha entrevista no programa Galicia por diante, da Radio Galega, Mallón apuntou: "É a industria, xunto á aeronáutica, que máis empregos pode crear nos próximos anos. A eólica mariña pode dar moitas alegrías a Galicia"

Lembrou que Galicia é referente e un "líder mundial na eólica mariña" e pensa que sería moi positivo a instalación dos parques para que "os nosos clientes vexan que España e Galicia aposta polas enerxías renovables igual que o fan os países máis desenvolvidos do mundo, coma Alemaña, Estados Unidos, Reino Unido e Francia, entre outros". 

Mallón destacou que a enerxía eólica mariña é unha das "liñas estratéxicas de traballo" do proxecto Tecnonaval 2025, a proposta coa que dez comunidades autónomas aspiran a conseguir as axudas do PERTE do naval e que lidera Galicia. 

Avances en infraestruturas

Durante a entrevista, Mallón reclamou avances nas infraestruturas pendentes porque "a loxística e as infraestruturas de transporte son absolutamente determinantes se queremos ter unha industria competitiva"

"O Corredor Atlántico é imprescindible. Non entendemos como non hai unha aposta máis clara. Parece que imos un pouco máis lentos comparados con outros corredores. Para a industria do metal, con máis de 60.000 traballadores, máis de 4.000 empresas, sería estratéxico ou máis ben indispensable. Desde logo, non podemos renunciar a esa infraestrutura porque sería hipotecar definitivamente o noso territorio. Debemos ser esixentes co goberno de España e coa Unión Europea". 

Ademais Mallón, como presidente da Federación de Usuarios do Porto de Vigo, reclamou a conexión ferroviaria co porto de Bouzas.

"Sería unha perda de competitividade. Demandamos que se fagan os estudos técnicos pertinentes e que haxa diálogo entre administracións. Se hai un bo diálogo entre o Concello de Vigo, o Ministerio de Transporte, a Xunta de Galicia e o porto de Vigo, pode saír adiante unha ou outra variante e, desde logo, a que faga menos dano á cidade", apunta. 

O secretario xeral de ASIME calcula que precisan uns 1.600 traballadores para incorporar de xeito inmediato e "de perfís de todo tipo vencellados coa nosa industria". 

Mallón fai autocrítica e cre: "Temos que facer unha maior promoción do sector, das actividades, das retribucións, que son os niveis salariais máis altos en Galicia, e conseguir esas persoas que son imprescindibles. Estamos a rexeitar proxectos por falta de persoal cualificado". 

Lembrou que neste momento desenvolven un programa, en colaboración coa Xunta, para formar un milleiro de traballadores. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos