Ensino e Baxi Ferrol xogarán a final da Copa Galicia
Demostraron a súa gran superioridade sobre o Celta e o Arxil
O Baxi Ferrol e o Ensino non deixaron lugar ás dúbidas e derrotaron ao Arxil e o Celta Baloncesto respectivamente. A final xogarase o domingo ás 12 do mediodía.
A primeira en saír á pista foi o equipo galego da máxima categoría, o Durán Maquinaria Ensino. O resultado foi claro e contundente (84-58) nun partido resolto nos primeiros minutos. O parcial de saída (16-2) falaba da superioridade lucense que non tivo ningún atranco para anotarse o triunfo. Estelar o partido de Blanca Millán (27 puntos) ben secundada por Laura Aliaga (14) e a internacional Paula Ginzo (12).
Tamén resolveu pola vía rápida o partido o Baxi Ferrol aínda que non con tanta contundencia. O Arxil pouco puido facer diante dun aspirante a regresar á Liga Feminina. O Baxi tamén dominou desde o primeiro cuarto (21-12) e xestionou vantaxes que estiveron sempre por riba dos dez puntos. Ao descanso era de 43-29, distancia que incrementou co paso dos minutos pola súa meirande rotación.