España participa en Alemaña nas manobras "Air Defender" da OTAN
Pretenden ser unha mostra da "unidade e da forza" da Alianza Atlántica
Interveñen 250 avións e case 10.000 militares de 25 países membros

O Exército do Aire español únese a partir deste luns nas manobras da OTAN "Air Defender 2023", que se desenvolverán no espazo aéreo xermano durante dez días e nas que participan 25 dos países membros, informan fontes do organismo.
As manobras, lideradas por Alemaña, teñen carácter defensivo e pretenden demostrar a axilidade e a rapidez coa que a forza aliada pode responder nesta materia.
Serán os maiores exercicios deste tipo na historia da OTAN e unha mostra da "unidade e da forza" da organización, segundo dixo o mércores pasado nunha rolda de prensa, en Berlín, a embaixadora dos EUA nese país, Amy Gutmann.
A representante estadounidense subliñou que a mensaxe máis poderosa das manobras "Air Defender 2023", con máis de 250 avións militares e case 10.000 soldados, é que "a unidade e a forza" da alianza son "claves".
