Esta semana cúmprense once anos do accidente do Alvia en Angrois
Case un ano despois do xuízo, aínda non saíu a sentenza
Tampouco se fixo a investigación independente reclamada por Bruxelas
A Plataforma de Vítimas do Alvia segue e asegura que seguirá loitando nos tribunais para que se faga xustiza, aínda que admite que xa hai cansazo.
"Son once anos xa sen sentenza, sen xustiza e sen sequera a investigación independente que vén reclamando Europa", resume Jesús Domínguez, voceiro da plataforma.
O xuízo do caso quedou visto para sentenza hai case un ano. Na plataforma de vítimas afirman que non saben cando chegará a resolución, pero lamentan que o fiscal que retirou a acusación contra Adif acabe de ser designado para o Supremo.
"Sería un premio que lle tiña gardado o fiscal xeral a Mario Piñeiro. Parécenos vergonzoso, sobre todo facelo nestas datas. Tiveron todo o ano e fixérono unha semana antes do aniversario do accidente. O único que xera é dor nas vítimas", puntualiza o voceiro da plataforma.
Os afectados insisten en que a xustiza pasa por deixar claras as neglixencias e depurar todas as responsabilidades.
"Porque como dicía o fiscal, aínda que cambiou, se o Adif fixese o seu traballo, unha análise de risco, se puxese unha baliza, sinais, o accidente xamais ocorrería", recalca Jesús Domínguez.
A plataforma ten prevista unha concentración, unha misa e unha homenaxe ás vítimas o mércores, no novo aniversario do sinistro.