Controlado un incendio nas Fragas do Eume tras queimar 2,4 hectáreas
Participaron nos labores de extinción once brigadas, tres axentes forestais, cinco camións con motobomba, dous avións e catro helicópteros

O incendio forestal rexistrado este domingo no parque natural das Fragas do Eume está "controlado" cinco horas despois da súa detección nas que queimou 2,4 hectáreas, informou este domingo a Consellería do Medio Rural.
As lapas foron detectadas cara ás 13:03 horas nunha zona da parroquia de Soaserra, do concello coruñés de Cabanas. O citado departamento da Xunta sinala nun comunicado que os equipos de extinción que operan na zona lograron controlar o seu perímetro ás 17:43 horas.
Nos labores de extinción foron mobilizadas once brigadas, tres axentes forestais e un técnico con axuda de cinco camións con motobomba e co apoio de dous avións e catro helicópteros. O alcalde de Cabanas, Fernando Couce, indicou que o vento na zona puido dificultar un pouco os labores dos equipos de extinción.
A Consellería lembra que está ao dispor da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún incendio forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.