Chega aos cines galegos 'Malencolía', gañadora de dous premios Mestre Mateo
Estrea en 23 cines, de 17 localidades galegas
Melania Cruz e Xulio Abonjo conforman unha parella que volve a Galicia despois dunha década vivindo en Alemaña. O seu novo fogar nunha aldea de Ourense semella o soño de todo urbanita emigrante, pero vai agochar máis dunha sorpresa.
A primeira delas, Isolina, a única veciña á que lle dá vida Iolanda Muíños, recente gañadora do Mestre Mateo á mellor interpretación feminina de elenco. Isolina vai ser a canle para que a película discorra entre o sorriso e o medo, unha muller que é quen de deixar coa boca aberta a calquera.
Porque o sexto filme dirixido por Alfonso Zarauza xoga cos xéneros sostendo o terror na tensión do que acontece nesa aldea con reminiscencias aos ritos ancestrais galegos e alumeando a comedia no contraste do mito entre o urbano e o rural en Galicia.