Así combaten a 'ludwigia', a "perversa" invasora que ameaza os nosos ríos
A prímula acuática chegou a Galicia desde América do Sur como planta ornamental hai xa máis dun século. Hoxe en día representa un grave problema ambiental como especie invasora
Un auténtico desafío para a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, que traballa tamén noutros ríos da conca para retirala
A ludwigia, popularmente coñecida como prímula acuática, é unha planta orixinal de América do Sur que atopou en Galicia unhas condicións óptimas para crecer. Tanto, que ameaza a flora e fauna autóctonas.
José Antonio Quiroga Díaz, presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, explica: "Os seus talos subterráneos axudan a que se colmaten os leitos dos ríos. E cando entran en descomposición alteran a composición físico-química das propias augas".
Extraela do río non é fácil. Hai que meterse dentro e sacala a man, desenmarañar as redes que vai tecendo cos seus longos talos.
Como indica Andrés López, xefe de obra de Tragsa: "É un traballo moi manual que require tempo, paciencia, para intentar extraer toda a planta de maneira completa e que non quede ningún rizoma nin restos de raíz no leito".
Levan uns 15 días traballando, de seis a sete horas diarias metidos no río, e extraeron xa uns 50 metros cúbicos. Calculan que lles quedan outros tantos. O obxectivo é evitar que a planta chegue á desembocadura, ao río Miño.
Esta actuación é no Barbaña, en Ourense, pero traballan noutros ríos da conca, en Lugo e en Pontevedra, e tamén con outras especies, como a acacia.
"Todos os anos temos un capítulo para retirar estas plantas invasoras cun efecto perverso que reducen a biodiversidade autóctona dos nosos ríos", sinala o presidente da Confederación Hidrográfica.