Falece en Santiago o historiador Justo Beramendi aos 82 anos
Era catedrático de Historia Contemporánea da USC e fundador e expresidente do Museo do Pobo Galego (2011-2022)
O historiador Justo Beramendi (Madrid, 1941), catedrático da Universidade compostelá e expresidente do Museo do Pobo Galego, faleceu esta madrugada en Santiago de Compostela aos 82 anos.
🖤 Lamentamos fondamente o falecemento de Justo Beramendi, patrón fundador desta casa e persoa que ocupou diversos cargos á fronte da nosa institución, como secretario (1976-1986), presidente da Xunta Reitora (2000-2011) e presidente do Padroado desde 2011 ao 2022. pic.twitter.com/uGuXkk9deP
— Museo do Pobo Galego (@MuseodoPobo) July 3, 2024
A Xunta de Galicia distinguiuno coa Medalla Castelao en 2017 e en 2023, o Museo do Pobo Galego concedeulle a súa insignia de ouro, o máximo recoñecemento dunha institución cultural en que estivo presente dende a súa creación e cuxo padroado presidiu entre 2011 e 2022.

Justo Beramendi fixo estudos de Enxeñaría Industrial en Madrid (1959-1967), de Tradución en Barcelona (1969-1974) e de doutoramento en Historia en Santiago de Compostela (1987). Era catedrático de Historia Contemporánea da USC, da que foi vicerreitor (1990-1994). Xubilado desde o ano 2012, era membro fundador da Fundación Castelao. Tamén participou na creación das revistas Negaciones (Madrid, 1977), A Trabe de Ouro (Santiago, 1990) e Tempos Novos (Santiago, 1997).
"A crítica é o motor da ciencia, a arte e o progreso". O historiador foi xerando ao longo de décadas un espazo crítico de estudo e análise que coa súa perda emerxe agora como achega fundamental.
Durante a Transición, Beramendi militou no Partido Socialista Galego, xunto a Xosé Manuel Beiras, con que tiña unha relación moi estreita.
Co seu libro De provincia a nación. Historia do galeguismo político gañou o Premio Nacional de Ensaio en 2008. A obra xa recibira o Premio da Crítica de Galicia.
