Falece no hospital un matrimonio de Sarreaus despois de ser atopado no chan do seu domicilio
Atoparon o home deitado na cociña. Aínda estaba consciente e era capaz de falar
A muller estaba encerrada no baño e cando accederon, aínda que seguía con vida, xa non podía comunicarse

Un matrimonio do concello ourensán de Sarreaus faleceu esta fin de semana despois de ser localizado o pasado 24 de novembro pola Garda Civil no chan do seu domicilio tras ser alertados por veciños que non tiñan noticias deles desde varios días antes.
O Instituto Armado recibiu unha chamada de alerta o día 24 ao mediodía en que se lles comunicaba a ausencia destes dous veciños da parroquia de Pazos.
Así, os servizos de emerxencias desprazáronse ata o lugar, despois de que os veciños indicaran que non tiñan noticias do matrimonio desde uns días antes.
Ao chegar á vivenda observaron, xa desde o exterior a través dunha porta acristalada, que o home estaba no chan da cociña. Por este motivo, forzaron a porta, pechada desde o interior, e entraron ao domicilio.
Xa dentro, o home, que aínda estaba consciente e era capaz de falar, díxolles que a súa muller se atopaba no baño. Deste xeito, comprobaron que a muller estaba encerrada na estancia e cando accederon, aínda que seguía con vida, xa non podía comunicarse.
Ambos foron trasladados en ambulancia ata o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, onde faleceron un día despois con poucas horas de diferenza. El, con 81 anos, faleceu nas últimas horas do venres, e ela, con 77, nas primeiras do sábado.
A Garda Civil non atopou signos de violencia nin nada que apuntase a unha intoxicación de monóxido de carbono, tampouco indicios de que se cometeu un roubo, polo que cualificaron a acción de auxilio humanitario.
Así as cousas, polo momento, segundo fontes da Garda Civil, despois da autopsia realizada esta pasada fin de semana, descártase unha intoxicación por gas, á espera de que o Instituto Nacional de Toxicoloxía realice as analíticas complementarias.
Os axentes atoparon a casa en mal estado e aseguran que os residentes, en plenas capacidades mentais, non estaban interesados en recibir axuda dos servizos municipais a pesar de que lles consta que se lles ofreceu en varias ocasións.