Tres membros dunha familia, entre eles unha menor, falecen tras unha saída de vía na A-8, en Ribadeo
Tres membros dunha familia, entre eles unha menor, falecen tras unha saída de vía na A-8, en Ribadeo
O automóbil saíu da autoestrada e golpeou a columna dun viaduto
As vítimas mortais son pai, nai e filla
Hai un cuarto membro da mesma familia ferido no sinistro
Tres membros dunha mesma familia faleceron este mediodía nun tráxico accidente de circulación que se produciu na autovía do Cantábrico (A-8) á altura do municipio lucense de Ribadeo, un sinistro no que tamén resultou ferido o cuarto ocupante do vehículo.
Segundo informou o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE), os ocupantes do coche eran catro membros dunha mesma familia de Toledo. Nun primeiro momento confirmouse o falecemento do pai e da nai, un home de 54 anos de idade, e unha muller de 47,, segundo confirmou o 061.
Máis tarde, a pesar de os esforzos do persoal sanitario por reanimala, coñeceuse tamén a morte da filla de 13 anos que viaxaba no coche, mentres que o outro ferido, un mozo de 20 anos, foi evacuado ao Hospital de Lugo (HULA) en helicóptero.
Cara ao mediodía, varios particulares informaron ao 112 Galicia dun accidente rexistrado no quilómetro 513 da A-8, á altura de Vilaframil, en Ribadeo, en sentido Begonte. As persoas que chamaron ao teléfono de emerxencias explicaron que un turismo saírase da vía e chocara contra a columna dun viaduto.
De inmediato, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico e dos Bombeiros de Barreiros.
Para atender as vítimas, o 061 enviou ao lugar do sinistro catro ambulancias de Soporte Vital Básico, unha de Soporte Vital Avanzado e persoal médico do centro de saúde de Ribadeo, así como un helicóptero medicalizado.
Ademais, alertouse do accidente á Policía Local e aos voluntarios de Protección Civil de Ribadeo. Tamén se informou do sucedido ao Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, por se fose necesaria a súa intervención.
Unha vez no lugar, os servizos de emerxencia confirmaron o falecemento de dúas persoas e informaron de que outras dúas resultaran feridas. Unha delas, menor de idade, atopábase inconsciente e os profesionais sanitarios estaban a realizar manobras de reanimación, aínda que finalmente faleceu no punto.
Tras recibir os primeiros auxilios no mesmo lugar do sinistro, o cuarto ocupante do vehículo foi evacuado no helicóptero medicalizado con base en Santiago, de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, ao HULA.
Aínda que permaneceu cortada varias horas por mor do accidente, a Garda Civil de Tráfico informou de que a autovía quedou limpa e reaberta á circulación a primeira da tarde.