Familiares das vítimas e feridos comezarán a declarar este martes no xuízo do Alvia
Non será ata xuño cando a maxistrada deixe o caso visto para sentenza

Este martes e durante os próximos meses, a Cidade da Cultura en Compostela comezará a recibir os familiares das vítimas mortais e os feridos da maior traxedia ferroviaria dos últimos 80 anos en España, o accidente que se desencadeou na curva de Angrois en xullo de 2013.
Tras máis de catro meses de xuízo, a maxistrada María Elena Fernández Currás deu por terminada a fase penal da vista oral. Decenas de testemuñas e peritos pasaron pola sala en sesións de interrogatorios extensas, nunha causa difícil, marcada polo seu gran carácter técnico, que trata de dirimir as responsabilidades do sinistro.
Os dous únicos acusados, o maquinista Francisco Garzón Amo e o ex-xefe de seguridade da circulación de Adif Andrés Cortabitarte, enfróntanse a catro anos de cárcere por 80 delitos de homicidio por imprudencia profesional grave.
Os testemuños destes meses serviron para sentar algunhas das bases do que ocorreu aquel fatídico día na curva da Grandeira. A chamada telefónica do interventor ao maquinista é unha das principais bazas de Adif e da defensa de Cortabitarte, que se centran en culpar o maquinista do sucedido.
Con todo, a defensa do maquinista tamén trata de cargar as culpas ao administrador por non realizar a correspondente avaliación de riscos antes da posta en marcha da liña de alta velocidade entre Ourense e Santiago, cuxo proxecto inicial foi modificado, de maneira que se desconectou o sistema ERTMS en vía.
Non será ata xuño cando a maxistrada María Elena Fernández Currás tome unha decisión e deixe visto para sentenza o caso. Pero agora arrinca o xuízo na súa fase civil. Nela trátase de establecer as indemnizacións dos feridos e os familiares das vítimas, que suman un total de 57,7 millóns de euros.