Familiares das vítimas do Alvia apupan os avogados do Adif e Renfe
Denuncian que o xuízo está inzado de testemuñas adestradas que seguen un guión
Expectantes ante unha declaración que consideran clave porque Christopher Carr foi o único que puxo en dúbida a independencia e validez da investigación do goberno sobre o accidente
A de hoxe era unha xornada clave, sobre todo para os familiares das vítimas, que confían en que a declaración de Chistopher Carr poña luz no que consideran ata o de agora un xuízo guionizado e cheo de testemuñas adestradas. Algúns dos membros da plataforma concentráronse esta mañá na Cidade da Cultura.
Os familiares das vítimas do Alvia, incansables na súa loita pola verdade e a xustiza sobre o accidente, non podían conter a rabia e a impotencia e apupaban os avogados do Adif e Renfe á súa chegada á cidade da Cultura. Acúsanos de adestrar testemuñas, de seguir un guión, á semellanza do xuízo do Metro de Valencia, como explicou o presidente da Plataforma Xesús Domínguez.
Por iso, para eles a de hoxe é unha xornada clave. Confían na declaración de Chistopher Carr porque foi o único que puxo en dúbida a investigación realizada polo goberno sobre o accidente.
A Chistopher Carr, que chegou só e discretamente, os membros da plataforma pedíronlle que se lembrase das vítimas.