Festival do Barcelona no Clásico da Supercopa (5-2)
Os de Flick sobrepuxéronse ao gol de Mbappé e remontaron ata acabar goleando nunha primeira parte para o recordo
Décimo quinto trofeo da Supercopa para o equipo catalán, que lidera o palmarés
O Barcelona deu un golpe enriba da mesa na final da Supercopa disputada en Xidá, Arabia Saudita, nun encontro en que se adiantou o Real Madrid aos 4 minutos por medio de Mbappé pero remontaron os de Flick de xeito espectacular para erguer o seu décimo quinto trofeo.
O partido tivo un ritmo trepidante desde o inicio. Nada máis comezar, o Barcelona dispuxo de dúas claras oportunidades, por medio de Lamine e Raphinha. Ás dúas respondeu Courtois con dous paradóns. Do segundo deles saÍu o córner que ía significar o primeiro gol do partido. Pero foi para o Real Madrid, que saíu á contra cunha conducción espectacular de Mbappe. O francés desfíxose da presión de Balde e bateu a Szcesny.
Foi un espellismo. O Bacelona non se descentrou e seguiu gozando das mellores ocasións. Un remate de Raphinha que saíu moi cruzado foi o preludio do gol do empate. Marcouno Lamine Yamal nunha xogada espectacular culminada cun pase á rede de Courtois.
Doce minutos despois, o Barcelona ía culminar a remonta. Foi nun balón á área no que Camavinga impactou con Gavi. Gil Manzano tivo que revisar a acción no VAR antes de sinalar o punto de penalti. Lewandowski foi o encargado de transformar a pena máxima no 2-1. E, só dous minutos despois, unha incrible asistencia de Kounde desde a dereita practicamente no medio do campo cabeceábaa á rede Raphinha. Era o 3 a 1 que deixaba noqueado ao Real Madrid. Aínda tivo tempo o Barcelona nos 9 minutos de engadido de rematar outra vez por medio de Balde, nunha acción que rexeitou a córner Courtois, e de establecer o 4 a 1. Foi a vinganza do gol madridista, nun córner a prol dos brancos que recuperaron os de Flick. Á contra Raphinha asistiu e Balde marcou o cuarto da noite.
Pero, malia a todo o acontecido, o ritmo non decaeu no inicio da segunda metade. Rodrigo conectaba unha volea á escuadra nada máis saír dos vestiarios. E, xusto a seguir, Raphinha culminaba unha contra e asinaba o 1-5, o segundo da súa conta.
O partido parecía resolto, pero o Real Madrid conseguiu darlle unha volta. Foi nunha contra con balón en profundidade para Mbappe, que caeu diante de Szcesny. Gil Manzano volveuse axudar do VAR para expulsar o porteiro e sinalar unha falta que transformaba Rodrigo no 2 a 5. Era o minuto 75.
O Real Madrid estirouse á busca de prolongar a reacción, aproveitando a superioridade numérica. Pero non deu creado ocasións claras, e os minutos ían pasando. A última foi para Mbappé, xa no tempo engadido, pero aí apareceu Iñaki Peña para sacar unha gran man a pechar o triunfo do Barcelona, que suma con esta 15 Supercopas, dúas máis ca o Real Madrid.