Fianza e polo menos 16 viaxes: estas son as condicións para viaxar gratis en tren
O Goberno confirma que o Avant, como o que une A Coruña e Ourense, manterá a bonificación do 50 %
O Goberno restrinxe a gratuidade dos trens de proximidades e media distancia aos usuarios que realizan os traxectos habitualmente. Isto farase a través dunha fianza que se devolverá cando se fagan, polo menos, 16 viaxes durante os catro meses que dura a medida.
Isabel Rodríguez asegurou que o obxectivo é reducir o custo mensual das economías familiares e promover o transporte sostible.
As fianzas serán de 10 euros para os trens de proximidades e de 20 euros nos de media distancia.
O método de devolución da fianza será automática no caso de pagos con tarxeta e mediante unha solicitude presencial se o pago foi en efectivo. O bono de viaxes será unipersoal e para un traxecto en concreto.
A medida está deseñada para favorecer aquelas persoas que utilizan o transporte público para ir ao traballo ou centro de estudos e que os fondos non vaian parar a usuarios ocasionais que viaxan en tren por motivos de ocio.
Os abonos Avant terán unha bonificación do 50 % e crearanse abonos especiais para a alta velocidade tamén do 50 %, aínda que só nalgúns traxectos.