Galicia bate os rexistros históricos de calor nun mes de outubro
En 5 dos 7 observatorios da AEMET con series longas de datos batéronse récords de calor o 7 de outubro
A cidade de Ourense superou por primeira vez os 35 graos en outubro
Nunca antes se rexistraran temperaturas tan altas nun mes de outubro en Galicia. En 5 dos 7 observatorios da Axencia Estatal de Meteoroloxía con series longas de datos batéronse récords de calor.
A cidade de Ourense superou por primeira vez en outubro os 35 graos. Algo máis baixas, pero especialmente significativas, foron as temperaturas na Coruña: no centro da cidade chegaron a 33.4 graos e no aeroporto de Alvedro case se alcanzaron os 34, máis de dous graos de diferenza con respecto á anterior máxima histórica, rexistrada no ano 2011.
En Lugo, no aeródromo de Rozas, o termómetro marcou un novo récord de 32.8, case un grao máis que a máxima anterior rexistrada en 2017.
En Santiago nunca fixera tanta calor en outubro desde 1948. Na Lavacolla mediranse daquela 30.4 graos. 75 anos despois superouse esa marca e chegouse aos 31.
Son os rexistros dun comezo de outono extraordinario en calor, despois dun verán que tamén o foi. O de 2023 foi o segundo máis cálido da serie histórica en Galicia, despois do de 2022.