Gonzalo Caballero: "Estou con forzas, con ganas, e teño vontade de mellorar Galicia"
O exdirixente do PSdeG condiciona a súa posible precandidatura á Secretaría Xeral a un cambio de rumbo no partido
Caballero reivindica o seu legado e recorda que dende que deixou a dirección, os socialistas galegos obtiveron os peores resultados da súa historia
Gonzalo Caballero, exsecretario xeral do PSdG e candidato á Xunta nas eleccións de 2020, advirte do risco de que o partido caia na irrelevancia.
Nunha entrevista na Radio Galega, e a unhas horas de que arranque o proceso de primarias, Caballero fai un chamamento aos dirixentes socialistas para rectificar o rumbo e abrir unha nova etapa.
"Se se dan esas condicións estou disposto a ocupar un primeiro nivel de actividade política pero, en caso contrario, non quero ser cómplice do desastre electoral"
Caballero asegura que hai unha "fonda preocupación na militancia" ante a perda de apoio electoral na etapa "protagonizada por Formoso e por Besteiro".
"É evidente a estas alturas que as indicacións de Pedro Sánchez e dos baróns localistas en Galicia non acertaron á hora de apostar por Formoso e Besteiro á fronte do partido e como candidato nas últimas eleccións", asegura.
O exdirixente do PSdG saca peito do seu legado á fronte do partido entre 2017 e 2021 cando "creceu en tódalas eleccións, gañoulle ó PP nas xerais e nas europeas e conseguiu o maior nivel de representación municipal e nas Cortes Xerais".
Agora, engade, cómpre remontar de novo para frear ó PP e ó BNG e para que "haxa posibilidade de alternancia".
Non conforme coa decisión sobre os avais
Gonzalo Caballero di non apoiar a decisión do PSOE de duplicar o número de avais necesarios para concorrer ás primarias.
Con todo, explica, no seu caso non é un problema. Di contar con apoios suficientes, especialmente nas provincias do sur.
"O problema non é presentar avais ou gañar as primarias, senón sacar o PSdG desta etapa de letargo", di.
O exdirixente socialista di tender a man e "estar con forzas, ganas e vontade de mellorar Galicia ante a inercia das políticas conservadoras".