Herminia pon en prealerta as concas do Xallas, Miño e Umia por perigo de desbordamento
O vento provocou a maior parte das 1.600 incidencias causadas pola borrasca Herminia
O temporal deixou tamén ondas de case 11 metros, 1.000 raios e refachos de vento de case 150 quilómetros por hora
Continúa interrompida a circulación na liña ferroviaria Ferrol-Ribadeo-Oviedo; para o tramo de Ferrol-A Coruña estableceuse un plan alternativo de transporte por estrada
4.000 vivendas permanecen sen subministración eléctrica a última hora do luns
O temporal Herminia deixa 1.600 incidencias en Galicia. O temporal irá amainando durante o martes. Será unha xornada de transición á espera da entrada dunha nova borrasca.
A fervenza de Segade, en Caldas, é só unha mostra da auga acumulada tras o paso de Herminia. Hai ríos desbordados en numerosos puntos de Galicia. A enchente do Tambre en Portomouro obrigou a desaloxar o colexio Xacinto Amigo.
Permanece activado o plan Inungal. Tres concas, as do Xallas, o Miño e o Umia están en prealerta.
Ata agora a maior parte das 1.600 incidencias causadas pola borrasca Herminia provocounas o vento. Caída de postes, árbores e desfeitas en teitos.
Ao longo da xornada do luns 3.000 vivendas foron recuperando a subministración eléctrica tras solucionarse os problemas causados polo paso da borrasca Herminia, pero a última hora da xornada 4.000 clientes de Naturgy estaban aínda sen luz. A maioría na provincia da Coruña, con 3.000. En Pontevedra hai 440 afectados, 350 en Ourense e 190 en Lugo.
Segundo os datos facilitados pola empresa enerxética, as incidencias fóronse liquidando ao longo da xornada deste luns, que comezou cuns 13.000 afectados por cortes da subministración.
A mellora da climatoloxía no interior contrastou coa do litoral, onde Herminia deixou forte vento, de case 150 km/h en Punta Candieira (Cedeira) ou de 115 nas illas Cíes. A inestabilidade na mar deixou ondas de grande altura.
E é que a altura das ondas na costa da Coruña e Pontevedra, en alerta vermella polo temporal, alcanzou case os 10 metros, segundo recollen as boias de Portos do Estado situadas fronte á cidade da Coruña e en Cabo Silleiro (Pontevedra). As balizas situadas mar dentro á altura de Cabo Vilán e Estaca de Bares captaron ondas de 11 metros.
Ademais, as precipitacións con aparello eléctrico deixaron máis de 1.000 raios caídos sobre Galicia durante a xornada.
En canto á chuvia, os medidores de Meteogalicia captaron ata 44,5 litros por metro cadrado en Avión (Ourense), valor máximo da xornada en precipitacións seguido polos 37,6 l/m2 caídos en Celanova (Ourense).
Cortes no tráfico ferroviario e transporte na ría de Vigo suspendido
Fontes de Renfe confirmaron, ademais, a Europa Press, que continúa interrompida a circulación na liña de ancho métrico Ferrol-Ribadeo-Oviedo. Para o tramo de Ferrol-A Coruña estableceuse un plan alternativo de transporte por estrada para os viaxeiros.
O mal tempo impediu tamén retomar o transporte de ría en Vigo, e as navieiras informaron de que as conexións con Cangas e Moaña mantéñense suspendidas. As rutas xa foron canceladas este domingo polas condicións meteorolóxicas adversas e, polo momento, non están a saír os barcos, aínda que as compañías informarán cando as liñas estean operativas.
O mércores entra outra borrasca que manterá o aviso laranxa no mar e porá todo o interior de Galicia en aviso amarelo por fortes precipitacións.