Horas de rastrexo intenso na busca da octoxenaria desaparecida en Vila de Cruces
Divina, de 82 anos de idade e con boa saúde física e mental, puido desorientarse en medio dunha mesta néboa onte á tarde cando estaba a facer a súa camiñada cotiá
A zona en que adoita pasear foi rastrexada polo dispositivo de busca despregado desde onte á tarde tras confirmarse a desaparición da veciña de Toiriz, preto de Vila de Cruces.
Numerosos efectivos e veciños apoiados con drons de detección térmica e cans adestrados buscaron toda a noite.
Divina, de 82 anos e con bo estado físico e mental, saíra da súa casa á tarde deste luns para cumprir a súa camiñada cotiá. Arredor das tres foi vista por última vez.
"Despois si que tiveron contacto telefónico ao redor das oito, e a partir dese momento xa se perdeu todo o contacto con ela", afirma o Capitán Pampín, coordinador do dispositivo de busca.
A busca ata agora, efectúana entre unha néboa mesta e temperatura moi baixa.
"Dispoñemos de todos os recursos ao noso alcance. Mobilizamos tamén os medios aéreos e terrestres, e agora estamos a continuar coa busca desta persoa e rastrexando o percorrido probable que facía todos os días. A néboa impide, polo momento, utilizar o helicóptero. Agardamos que mellore e poder empregalo para percorrer toda esta zona", explica o mando da Garda Civil, capitán Pampín.
E é que as condicións atmosféricas, frío e néboa, eran tamén esta mañá elementos adversos ante un feito coma este e para desenvolver o traballo necesario para chegar á localización da desaparecida.