Os galegos que viaxaban no autobús tiroteado en Ecuador chegan hoxe a Galicia
O vehículo recibiu 17 disparos, pero ningún dos 34 operarios que ían a bordo quedou ferido

Está previsto que este domingo cheguen a Galicia os traballadores galegos do sector do metal que viaxaban nun autobús tiroteado en Ecuador.
O vehículo no que volvían ao hotel tras rematar a súa xornada laboral en Guayaquil recibiu 17 disparos. Dende mediados de xullo estaban a reparar un atuneiro da armadora Albacora.
Segundo o relato dos afectados, seis persoas que circulaban en tres motocicletas comezaron a disparar contra o autocar cando pasaba por unha rotonda, aínda que a policía ecuatoriana fala dun só atacante.
Durante o incidente ningún dos 34 operarios, 33 galegos e un vasco, quedou ferido. As forzas de seguridade do país seguen á procura dos responsables do ataque.