Miami conta co cruceiro máis grande do mundo, símbolo da conexión de Galicia cos EUA
Obra do escultor galego Santiago Besada, ten nove metros de altura e loce no Memorial Boulevard Park, no corazón da cidade

O cruceiro máis grande do mundo, cunha altura de nove metros, embelece a partir deste sábado a nova Praza Galicia, situada no Memorial Boulevard Park, no corazón de Miami, tras a súa inauguración oficial como símbolo da conexión de Galicia cos Estados Unidos.
Xunto ao cruceiro, instalouse unha mouteira na que se indica o inicio dun novo treito do Camiño Xacobeo, de Miami a Santiago de Compostela, en concreto o quilómetro 6.640, segundo informa o concello de Miami nun comunicado.
O "detallado e meticuloso" traballo desta peza de arte sacra, obra do escultor galego Santiago Besada, logra capturar "a esencia e beleza da paisaxe" galega e simbolizar os "vínculos históricos entre España, Cuba e os Estados Unidos", sinala a nota de prensa.
Este cruceiro "desencravado" (representa o descendemento de Cristo da cruz) é o primeiro do seu tipo fóra de Galicia e o máis alto de todos, seguido do de Mondariz (8,48 metros), A Coruña (8 metros) e os da Pobra e Remelle, de 6,22 metros, os catro en Galicia.
Inicialmente, estaba previsto que esta peza tallada en granito se instalase no Bayfront Park de Miami, un espazo aberto fronte ao mar, pero decidiuse trasladalo á Rúa 8, na Pequena Habana, para maior resgardo ante posibles furacáns.
Financiamento
O monumento consta de seis partes: a cruz, o capitel, o fuste (cos mapas tallados de Galicia, Cuba e Florida), o pedestal con varias cunchas labradas en pedra, o dado, cos escudos de Galicia, España, os Estados Unidos e Miami e a base.
Nesta última peza, aparecen tallados os nomes dos galegos residentes en Miami que axudaron na construción desta escultura en colaboración coa Xunta de Galicia.
A construción do monumento foi impulsada pola Asociación de Empresarios e Profesionais Galegos dos Estados Unidos e Galegos Forever, co apoio da comisión e concello de Miami e do concelleiro Joe Carollo.