Ingresan en prisión os tres condenados por abusar dunha nena da súa familia en Baleira
Aceptaron a pena o pasado 17 de xaneiro na Audiencia Provincial de Lugo cun acordo que rebaixaba de 11 a 3 os anos de prisión
Xa están en prisión os tres condenados por abusar dunha nena da súa familia en Baleira ata deixala embarazada.
O matrimonio condenado por abusar da menor, a irmá e o cuñado da vítima, ingresaron no centro penal á primeira hora da tarde deste mércores, mentres o terceiro implicado, irmán e cuñado da parella, fíxoo posteriormente.
Os acusados aceptaron a pena o pasado 17 de xaneiro na Audiencia Provincial de Lugo cun acordo que rebaixaba de 11 a 3 os anos que pasarían no cárcere.
Este mércores comezan a cumprir a condena, o día en que remata o prazo que lles dera o xulgado para ingresar voluntariamente en prisión.
A menor padeceu abusos sexuais dos seus familiares na propia casa dende que tiña sete anos ata que con trece quedou embarazada do seu cuñado. Daquela interviñeron os servizos sociais e o neno foi dado en adopción.
Os seus veciños agardaban que chegara este día.
O alcalde da vila, Enrique Martínez-Puga insistía en que "estamos totalmente indignados e consternados. Desexando que esto pase e que Baleira se coñeza polo que ten que coñecerse. Non hai relación con eles. A xente non quere ter relación con eles".
A vila viviu ignorante do horror que estaba pasando a menor. Coñecérono pola sentenza, sete anos despois de que a cativa quedara embarazada do seu cuñado.