Íñigo Errejón será o novo voceiro de Sumar no Congreso
O líder de Más País substitúe a Marta Lois, que deixa o cargo o vindeiro martes para centrarse na campaña electoral en Galicia

O líder de Más País, Íñigo Errejón, será o novo voceiro de Sumar no Congreso. Substitúe a Marta Lois, que deixará o cargo o vindeiro martes para dedicarse de cheo á campaña das eleccións galegas.
A executiva de Sumar aprobou a proposta de Yolanda Díaz este mércores. A decisión presentarase o vindeiro martes, 30 de xaneiro, na reunión do grupo parlamentario na cámara baixa.
A dirección aprobou tamén nomear o deputado de EU Enrique Santiago voceiro substituto, o que lle dá dereito a asinar iniciativas parlamentarias e, polo tanto, Esquerda Unida terá un papel máis activo dentro de Sumar.
Ata o de agora era o secretario xeral do grupo, Txema Seixo, quen exercía tamén como voceiro substituto.
As tres portavocías adxuntas mantéñense como ata o de agora: Aína Vidal (Comúns), Águeda Micó (Compromís) e Jorge Pueyo (Chunta).