Jordan Howard non pode soster ao Obradoiro CAB
Os de Moncho continuarán unha semana máis en postos de descenso
Partido complicado para un Monbus Obradoiro que comenzaba a xornada en postos de descenso. Chegaba ao Fontes do Sar un Baxi Manresa envolto na loita polo playoff, pero que viña de perder co líder da competición o Unicaja de Málaga. O primeiro cuarto rematou 20-15 para o Obradoiro, sendo moi protagonista do primeiro tempo Jordan Howard con 8 puntos anotados e un 2/2 en triplas.
No segundo cuarto o protagonista do Monbus Obradoiro sería Dotson con 7 puntos, pero foi neste momento cando comezou o recital anotador de Brancou Badio. O base senegalés do Baxi Manresa anotou 10 puntos cun 100 % de acerto, e daríalle a vantaxe o equipo catalán ao final do segundo cuarto cun axustado 35-38.
Tras o paso por vestiarios os ataques superaron ás defensas e deron lugar a un cuarto moi prolífico no aspecto anotador, no que Badio continuou co seu partido persoal e anotou 9 puntos. O partido parecía que se lle escapaba o Obradoiro pero a base de defensa e tiros libres (14/15) lograron manter a diferencia en 4 puntos (61-65).
O último cuarto comezaría cunha técnica a Moncho e un acelerón do Manresa que colocou unha máxima de 10 puntos de vantaxe a favor do equipo dirixido por Pedro Martínez. O Obradoiro parecía irse do partido, pero apareceu Jordan Howard con 4 triplas que meteron ao Obradoiro no partido, chegado a colocarse a só un punto de distancia. Unha tripla de Dani Pérez a falta de 30 segundos, colocou unha vantaxe de 4 puntos que foi definitiva para o partido. Badio con 25 puntos e Howard con 27 foron os máis destacados do partido.