Publicador de contidos

Publicador de contidos

María Araujo, única galega dunha selección española moi renovada

María Araujo, única galega dunha selección española moi renovada

Ángela Mataix, Claudia Soriano, Elena Buenavida e Txell Alarcón son as novidades da lista do galego Miguel Méndez

Xogarán para a última xanela de clasificación para o Eurobasket 2025

G24.gal 27/01/2025 12:47 Última actualización 27/01/2025 12:58

Ángela Mataix, Claudia Soriano, Elena Buenavida e Txell Alarcón son as novidades da lista do seleccionador de baloncesto feminino Miguel Méndez para a última xanela de clasificación para o Eurobasket 2025, na que Alba Torrens, Mariona Ortiz e Paula Ginzo non foron incluídas por descanso.

"É unha lista na que faltan xogadoras que estiveron nas últimas convocatorias e que estarán na de verán, como Mariona Ortiz, Paula Ginzo ou Alba Torrens. Estas baixas son por decisión técnica e coa intención de darlles descanso nunha tempada moi cargada pola dobre competición. A elas únense as baixas de Raquel Carrera e María Conde por lesión, e nesta ocasión Laura Quevedo, que non poderá estar por motivos persoais", expresou Méndez.

"Aproveitamos estes dous partidos fóra de casa para ver competir a este grupo de 20-24 xogadoras que están en seguimento continuo. Parécenos que é o momento adecuado para velas competir e seguir formando ao equipo que nos vai representar non só no Europeo 25 e, esperemos, no Mundial 26, senón sobre todo, no Europeo 27 e os Xogos Olímpicos do 28", engadiu o técnico.

Nesta xanela, na que a selección chega invicta e só necesita unha vitoria para certificar a súa clasificación, xogará o xoves 6 de febreiro, ás 19 horas, contra Austria en Viena; e o domingo 9, ás 14:30 horas, contra Países Baixos en Almere.

Nesta fase de clasificación participan 36 seleccións nacionais, incluídas os catro países anfitrións do campionato, xa clasificados de oficio. Suecia e Turquía xa conseguiron o seu billete como primeiros de grupo quedando 10 prazas por asignar que serán para os primeiros de cada un dos oito grupos, máis os catro mellores segundos clasificados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade