Jorge Prado, un lugués que se converte nun mito do motocrós aos 23 anos
Gañou dous mundiais de MX2 (2018, 2019) e os dous últimos da categoría raíña (2023, 2024)
Deixa o Mundial de motocrós no máis alto para comezar a aventura nos Estados Unidos
Tan precoz como cando toda a súa familia marchou para Bélxica cando Jorge era un cativo. Eles viron o seu potencial e deixárono todo para acompañalo nunha aventura que, con 23 anos, converte a Jorge Prado García (Lugo, 5 de xaneiro de 2001) nun mito do motocrós mundial.
Con só 23 anos Jorge Prado ten no seu palmarés dous títulos de MX2 (2018 e 2019) e dous títulos de MXGP (2023, 2024), a categoría raíña do motocrós mundial. Loitou cóbado con cóbado cos mellores como Jeffrey Herlings ou Tim Gajser e conseguiu impoñerse nunha remonta espectacular.
O seu nome xa está entre os máis grandes da historia, sobre todo pola súa precocidade. Tal e como confirmou o seu pai, Jesús, á Televisión de Galicia Jorge dará outro paso adiante na súa traxectoria. Irase a California a comezar a aventura nos Estados Unidos, alí onde se combinan as especialidades de supercrós e motocrós e onde o deporte de motor acada outro nivel.