José Mujica, expresidente do Uruguai, anuncia que padece un tumor no esófago
Padece tamén unha enfermidade inmunolóxica que lle afecta os riles, o cal crea dificultades para técnicas de quimioterapia ou de cirurxías

O expresidente do Uruguai José Mujica anunciou este luns nunha conferencia de prensa que ten un tumor no esófago.
"Necesito informarlles de que o venres pasado descubrín nun recoñecemento médico que teño un tumor no esófago, algo dobremente complexo no meu caso porque padezo unha enfermidade inmunolóxica hai máis de 20 anos", dixo o expresidente, de 88 anos.
Agregou que esa enfermidade inmunolóxica lle afectou os riles, o cal crea "obvias dificultades" para técnicas de quimioterapia ou de cirurxías. Así mesmo, dixo que mentres poida seguirá militando xunto aos seus compañeiros, fiel á súa maneira de pensar e entretido coa súa horta e as súas galiñas.
"Mentres o corpo aguante vou estar. Quero agradecerlles e transmitirlles aos mozos deste país que a vida é fermosa. O quid da cuestión de triunfar na vida é volver levantarse cada vez que un cae. E se hai rifa, que a transformen en esperanza. Loiten polo amor", salientou Mujica.
Finalmente, agregou que a única liberdade que existe está na cabeza e chámase "vontade".
"Se non a utilizamos non somos libres. E isto hai que entendelo. Este desafío téñeno as novas xeracións. E a vida é tan fermosa que non ten sentido que a sacrifiquen por estupideces. Polo demais, estou agradecido e, ao cabo, que me quiten o bailado", concluíu.