Maduro entrégalle á ONU "probas" dunha suposta "conspiración" dos EUA
O presidente venezolano alertou da "contratación de mercenarios para invadir o país e intentos de magnicidios"

O presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, entregoulle ao coordinador residente da ONU no país, Gianluca Rampolla, "probas" dunha suposta conspiración que, segundo informa a canle estatal VTV, está a xestarse nos Estados Unidos contra o Goberno chavista.
A cadea de televisión transmitiu imaxes do encontro, que se produciu horas máis tarde dunha conversa telefónica entre o presidente e o secretario xeral da ONU, António Guterres.
Segundo explicou o propio Maduro, comprometeuse co máximo responsable da organización a "achegarlle moitos máis datos detallados da conspiración que se está a promover desde territorio estadounidense".
"Para traer violencia e ataques terroristas contra Venezuela", engadiu.
O líder chavista denuncia que o seu Goberno enfronta "agresións externas", logo das eleccións do 28 de xullo, nas que foi proclamado gañador, un resultado cuestionado dentro e fóra do país, especialmente logo da denuncia de fraude que fixo a oposición maioritaria.
Maduro alertou da "contratación de mercenarios para invadir o país e intentos de magnicidios" e dunha campaña en redes sociais para promover "a recolección de fondos para a realización de atentados contra a institucionalidade".
O mandatario refírese á campaña impulsada polo empresario militar estadounidense Erik Prince, na que chama a reunir 10 millóns de dólares para "restaurar a democracia" en Venezuela. Segundo a súa web, recibiu máis dun millón de dólares nos últimos cinco días.